Saturday 20 de April de 2024

O Concello de San Sadurniño inicia a reparación dos danos causados polos desprendementos na pista do Castro


Desde mediados desta semana varios operarios están traballando na pista que une o lugar da Pena da Meda e mailo Castro para subsanar os danos producidos polos corrementos de terra do pasado día 8. Como se recordará, as choivas acumuladas varreron a fraga en dous puntos deste eixo viario da parroquia de Igrexafeita obrigando a cortar a circulación no lugar do Cando por mor das rochas acumuladas e da inestabilidade da cimentación. As obras de reparación están cifradas en preto de 11.500 euros e agárdase que estean rematadas ao longo da semana que vén sempre que o tempo acompañe.

A capa de rodadura en si practicamente non sufriu danos a pesar de que o corremento de terras a deixou completamente cuberta de lama, árbores, area e grandes rochas que agora se reaproveitarán para un novo recheo e como muro de contención. E é que se ben o asfalto quedou case intacto o broblema está en a auga arrastrou boa parte do firme que o soporta, especialmente nas marxes que dan ao río. Unha circunstancia que levou ao Concello a valar por precaución varios metros da estrada na Fervenza e a cortar o tráfico no Cando, onde o rego procedente do Forgoselo aínda corría con forza na tarde deste xoves.

É alí, no Cando, onde comezaron os labores de reparación. Unha retroescavadora botou toda a xornada de onte desentullando a zona e limpando a terra acumulada nas gabias pola enxurrada que hai dúas semanas se abriu camiño levando con ela case 300 metros de fraga. Unha vez libre de pelouros e lama, o traballo na zona consistirá en levantar a pista, en colocar despois tubaxes de grande diámetro que canalicen o rego en momentos de enchente e, antes de volver asfaltar, en facer un muro de contención que impida novos danos no futuro.

A segunda intervención levarase a cabo na Fervenza. Non será necesario canalizar ningún rego nin tampouco levantar o asfalto, aínda que si cumprirá construír unha parede de contención maior que a do Cando debido ao desnivel existente ata o río.

As obras están orzamentadas en 11.423 euros e delas fíxose cargo a empresa BEGASUCEGSA. Se o tempo acompaña calcúlase que o tramo afectado podería reabrir á circulación ao longo da semana que entra.

Ademais destes traballos o Concello tamén fixo varias reparacións de danos causados pola choiva no contorno do arboredo de especies autóctonas e no lugar do Albeiro, que se veñen sumar ás intervencións de urxencia desenvolvidas en distintos puntos do territorio durante a mañá do 8 de xaneiro e nos días seguintes.